Docentes universitarios publican un manifesto no que alertan da escasa formación dos estudantes sobre a teoría evolutiva en todas as etapas educativas

Nos países da nosa contorna, os contidos clave sobre a teoría da evolución comezan a impartirse en Educación Primaria de xeito obrigatorio e continúan incorporándose de gradualmente ao longo da Educación Secundaria e o Bacharelato. Deste xeito, cando as e os alumnos chegan á etapa universitaria teñen unha base sólida sobre unha das grandes revolucións conceptuais da historia da humanidade. Pola contra, en España o nivel de coñecemento que ten o alumnado universitario sobre a evolución é moi baixo, como demostra un recente estudo realizado en dez campus españois e coordinado polo catedrático da Universidade de Vigo e investigador do CIM (Centro de Investigación Mariña), Emilio Rolán.

Precisamente en base aos resultados “decepcionantes” desta análise e aos datos achegados por un segundo proxecto, coordinado por dúas docentes da Universidade da Coruña, na que revisan os contidos evolutivos na educación española dende Primaria ata Bacharelato, un grupo de docentes de universidades españolas acaba de publicar un Manifesto en auxilio da educación sobre a teoría evolutiva. O texto está asinado, entre outros, polo catedrático vigués Emilio Rolán e nel urxen a necesidade de replantexar o xeito de ensinar os contidos de bioloxía tanto a nivel preuniversitario como universitario. “Solicitamos aos xestores públicos que revisen e reformen o noso sistema de ensinanza con urxencia” e ofrécense aos responsables das diferentes administracións a colaborar neste labor “para axudar e asesorar” neste proceso e remarcan que “non prestar unha adecuada importancia aos procesos educativos supón na práctica deslizarse de forma lenta pero segura cara a ignorancia en aspectos claves que deberían definir a calquera sociedade moderna e avanzada”.

Ler a nova completa no DUVI