Investigadores de 18 países participan entre hoxe martes e mañá mércores no campus de Vigo nun workshop sobre o papel da hibridación na natureza. Esta xuntanza enmárcase dentro do proxecto G-Bike, unha rede internacional composta por máis de 120 investigadores de 42 países, que ten como obxectivo avanzar no coñecemento e no desenvolvemento de métodos e ferramentas para avaliar, monitorizar e xestionar a diversidade xenética coa finalidade de preservar a resiliencia e o potencial adaptativo das especies, tanto en poboacións naturais como naquelas que están en catividade.
Este proxecto arrancou en 2019 e rematará no próximo outono, no marco da acción COST (European Cooperation in Science and Technology), que busca fomentar a interacción entre o persoal investigador, establecendo colaboracións e organizando xuntanzas como a desta semana en Vigo e financiando estadías de investigación noutros laboratorios. A Universidade de Vigo está representada en G-Bike polo Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do CIM-UVigo, en concreto, polos científicos Armando Caballero, Paloma Morán, Emilio Rolán-Alvarez, Ángel Pérez Diz e Juan Galindo. Este último explica que “na actualidade existe un grande interese por parte das e dos investigadores pola resiliencia dos ecosistemas”, algo que se debe, segundo apunta, aos cambios rápidos que están sufrindo os ecosistemas polos efectos antropoxénicos, tanto directos (como a contaminación ou a perda de hábitats) como indirectos (como o cambio climático ou a acidificación oceánica). Como relata o científico, “un ecosistema resiliente require da capacidade adaptativa das especies que o compoñen aos cambios que se producen, principalmente ambientais. A diversidade a nivel xenómico dunha especie ou poboación é fundamental dende o punto de vista da súa conservación, tanto dende unha perspectiva adaptativa como dos efectos negativos que pode implicar a perda de diversidade xenética”.