SnailRain, un xogo didáctico no que os caracois amosan como adaptarse aos procesos de selección natural

SnailRain é ciencia para divertirse e para levar no peto. Trátase dunha aplicación móbil desenvolvida por investigadores da Universidade de Vigo co obxectivo de divulgar e educar sobre o funcionamento da selección natural, as leis de Mendel e a influencia do hábitat e os seus predadores sobre o xenotipo dunha poboación.

A creación deste xogo enmárcase nun proxecto de investigación estatal liderado polo catedrático Emilio Rolán e o profesor Antonio Carvajal, ambos do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e do CIM-UVigo. O propio Rolán explica que SnailRain “amosa como unha poboación de caracois se adapta á selección natural”, mentres que o hábitat no que viven e a súa configuración xenética condicionan a probabilidade de supervivencia ante o depredador. Ese papel de depredador que trata de matar caracois é o que desenvolve o xogador, que elimina os gasterópodos co dedo a medida que estes caen da parte alta da pantalla simulando distintos hábitats.

Ler a nova completa no DUVI